Seroalbumina humana

PDB 1e7h
Seroalbumina humana
Identificadores
Símbolo xene ALB
Entrez 213
HUGO 399
OMIM

103600

PDB 1E7H
RefSeq NM_000477
UniProt P02768
Outros datos

A seroalbumina humana[1] ou albumina sérica humana, ás veces chamada simplemente albumina (aínda que hai moitas outras proteínas que son albuminas), é unha proteína que se atopa en grande abundancia no plasma sanguíneo, sendo a principal proteína do sangue. Sintetízase no fígado.

A concentración normal de seroalbumina no sangue humano oscila entre 35 e 50 gramos por litro[2], e supón ao redor do 50% da proteína plasmática. O resto de proteínas presentes no plasma chámanse en conxunto globulinas. A súa vida media no plasma é de 20 días. A seroalbumina é fundamental para o mantemento da presión oncótica, necesaria para a distribución correcta dos líquidos corporais entre o compartimento intravascular e o extravascular, localizado entre os tecidos. A seroalbumina ten carga eléctrica negativa a pH corporal. A membrana basal do glomérulo renal, tamén está cargada negativamente, o que impide a filtración glomerular da albumina aos ouriños. Na síndrome nefrótica, esta propiedade está diminuída e pérdese gran cantidade de albumina polos ouriños.

A proteína sintetízase nos hepatocitos en forma dun precursor máis grande de 609 aminoácidos, chamado preproalbumina, do que se cortan un péptido sinal do seu extremo N-terminal, e libérase do retículo endoplasmático rugoso en forma de proalbumina. Despois, esta é clivada nas vesículas do aparato de Golgi quedando a proteína que se segrega madura de 585 aminoácidos, que se observa no plasma.[3] Ten un peso molecular de 66,5 kDa, é monomérica e soluble. Está codificada no xene ALB do cromosoma 4, que contén 15 exóns e 3 dominios, que se cre que se orixinaron evolutivamente por duplicación dun dominio ancestral.[4]

A seroalbumina humana pertence á familia proteica das seroalbuminas, as cales están presentes tamén noutros animais. A seroalbumina bovina utilízase moito en procedementos de laboratorio. Debido a que os animais pequenos, por exemplo as ratas, viven cunha baixa presión sanguínea, necesitan unha baixa presión oncótica, e tamén necesitan unha baixa cantidade de seroalbumina para manter a distribución de fluídos.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para seroalbumina.
  2. "Harmonisation of Reference Intervals" (PDF). pathologyharmony.co.uk. Pathology Harmony. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de agosto de 2013. Consultado o 23 June 2013. 
  3. http://www.uniprot.org/uniprot/P02768
  4. Hawkins JW, Dugaiczyk A (1982). "The human serum albumin gene: structure of a unique locus". Gene 19 (1): 55–8. doi:10.1016/0378-1119(82)90188-3. PMID 6292049.

© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search